Cristina Rega Villarejo
Participantes do proxecto Capacitad@mente
Participantes do proxecto Capacitad@mente
Participantes do proxecto Capacitad@mente

Innovación e Compromiso Social en Capacitad@mente: Un camiño cara a integración laboral

  • Capacitad@mente, un proxecto revolucionario no ámbito da saúde mental, lánzase co obxectivo de facilitar a inserción laboral de persoas con trastorno mental severo
  • Falamos coa psicóloga Cristina Rega Villarejo para coñecer mellor o funcionamento deste proxecto
Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

 

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2023. Este ano lanzamos o proxecto Capacitad@mente que ten como obxectivo principal promover a empregabilidade das persoas con trastorno mental severo. Este proxecto enmárcase no Eixo 2 do Plan de Saúde Mental de Galicia “a recuperación como meta”.

Cegasal considera de particular importancia o establecer accións que promovan a formación das persoas con trastorno mental de cara a acadar a promoción da súa autonomía e acadar a integración social e laboral, un paso de gran importancia no proceso de recuperación.

Desde Cegasal xestionamos este proxecto e coordinamos as accións encamiñadas á formación en prácticas non laborais, servindo de vínculo entre as persoas bolseiras e os CEEIS, e colaborando na habilitación de ferramentas para a inserción laboral das persoas participantes.

Cremos que un problema de saúde mental non debe ser unha barreira para acceder a un emprego.  

Un dos apoios fundamentais do proxecto chegou desde a Xunta de Galicia, a través do Sergas. Consultada ao respecto, a xefa de servizo de saúde mental do Sergas, María Tajes Alonso, recorda que o traballo desde a súa entidade tivo múltiples focos xa que se levaron a cabo “reunións de coordinación entre Cegasal e o Sergas para definir o proxecto, reunións co sector e as empresas para determinar en que ámbitos de empregabilidade integrar ás persoas usuarias, definición do proxecto e tradución a un convenio de colaboración entre a Consellería e Cegasal, así como labores de asesoramento técnico en relación ao proxecto, e de coordinación con axentes internos  como son os profesionais de saúde mental das áreas sanitarias”. “Resumindo”, explica Tajes, “un labor prioritariamente centrado na coordinación dos diferentes axentes implicados no proxecto, tanto internos da Consellería como de relación con Cegasal; apoio técnico á definición do proxecto e apoio á xestión administrativa do instrumento de colaboración que permite a financiación do proxecto. E, por outra parte, como departamento responsable do plan da xestión do plan de saúde da comunidade autónoma, é un proxecto financiado con fondos de dito plan.

Desde a súa perspectiva, María Tajes considera o Capacitad@mente “un proxecto innovador que favorece, nun sector de poboación onde as taxas de emprego son moi reducidas, as prácticas empresariais e a posibilidade do emprego.”

“Hai un dobre aspecto innovador”, engade, “o primeiro, que dentro do ámbito da discapacidade sexa un proxecto dirixido a persoas con problemas de saúde mental, que non é o habitual. O segundo, que sexa unha orientación prelaboral extraordinariamente personalizada e individualizada pola participación dos profesionais de saúde que habitualmente atenden aos enfermos”.

Se o papel da Xunta de Galicia foi importante, tamén cabe destacar o da compañía farmacéutica Janssen, patrocinadora desta iniciativa pioneira. Unha aliada comprometida co Capacitad@mente e coas persoas con enfermidade mental, as súas familias e a sociedade no seu conxunto.

Pero os proxectos sobre o papel non contan toda a historia. Por iso entrevistamos á psicóloga Cristina Rega Villarejo. O seu papel dentro do Capacitad@mente é o de seguemento das prácticas nos centros especiais de emprego onde supervisa “que todo marche ben, que se cumpran as normas, que realicen ben as súas funcións e que as persoas participantes no proxecto se sintan cómodas”, permitíndolles “expresar calquera inquedanza e fomentando o desenvolvemento das súas habilidades laborais”.

Actualmente, en cantos centros se está desenvolvendo o proxecto?

Actualmente, en tres: Dixardín, Emprego Social e Combina Social.

Cantas persoas participan no proxecto?

Oito persoas. Inicialmente ían ser máis, pero por diversas razóns, quedamos con oito: catro en Emprego Social, dúas en Dixardín e dúas en Combina Social.

O proxecto busca integrar laboralmente a persoas con trastorno mental severo. Que obstáculos encontran estas persoas ao buscar emprego?

A principal barreira é a estigmatización. Existe un prexuízo erróneo de que estas persoas non poden desenvolver un traballo ou comunicarse adecuadamente. A medicación, necesaria en moitos casos, pode facer que actúen  ou falen máis lentamente, pero isto non implica unha menor capacidade laboral, non lles impide desempeñar un traballo tan eficientemente como calquera outra persoa.

O Capacitad@mente confórmase de varias fase. De que compón a fase formativa?

A formación teórica abrangue a prevención de riscos laborais e habilidades sociais. A parte de prevención foi impartida pola responsable técnica de GES (Galega de Economía Social). Eu fun a encargada de impartir a formación de habilidades socio laborais. O noso obxectivo é que as persoas participantes estean preparadas para afrontar os retos laborais con éxito, que coñezan os riscos e normas laborais, así como adestrar as habilidades esenciais para traballar.

Cal foi a resposta do grupo ante esta formación?

Mostraron gran interese e participación, independente de ter ou non experiencia laboral previa. Había tamén moi boa actitude e foron participativas nas aulas aportando moito ás mesmas.

A fase posterior é a eminentemente práctica. Como é o día a día das persoas nos centros de traballo?

O primeiro foi proporcionar transporte a aqueles que non teñen como desprazarse ata os CEEIS. Unha vez no centro, a persoa encargada lles indica as tarefas. Os primeiros días son de acompañamento e observación. Co paso dos días, gañan autonomía.

Durante canto tempo estarán nos centros formándose?

Serán 80 horas, repartidas segundo a dinámica de cada centro.

Despois desta fase, que lles agarda?

Se hai vacantes e desempeñaron ben as súas prácticas, poderían ser contratados. Do contrario, de non ser posible a contratación, os asesoramos para acceder a servizos de orientación laboral.

Este proxecto conta co respaldo da Xunta e Janssen, sería posible sen eles?

Non. Ambas entidades foron cruciais tanto na selección como no financiamento. A colaboración do SERGAS foi fundamental para identificar ás persoas máis axeitas para participar no proxecto. Axudounos moito a poder arrancar o feito de que nos botaran unha man. Neste caso, Carlos Ventoso e os psiquiatras da súa área sanitaria.

Janssen foi vital en canto á financiación e para mostrar que, cunha correcta medicación, estas persoas poden levar unha vida normal.

Para ti, que significa participar nun proxecto tan ambicioso e pioneiro como o " Capacitad@mente "?

É unha oportunidade de romper estigmas e axudar a estas persoas a empoderarse. É moi difícil que estas persoas accedan ao mercado laboral porque se lles ten medo. Medo a como poden reaccionar, ao que poden dicir ou facer, e repito, tendo medicación correctamente pautada, son persoas que poden ter unha vida completamente normal.

Para min, o feito de axudar a romper este estigma e de axudarlles a empoderarse e a mellorar a súa auto confianza de que poden atopar un emprego, de que poden medrar no mercado laboral, resulta moi reconfortante.

Penso que é fundamental educar á sociedade sobre a realidade das persoas con enfermidades mentais.

Axudar á súa inserción contribúe a normalizar a súa presenza nas empresas. O feito de axudar á inserción laboral destas persoas fai que estean máis presentes no ámbito empresarial. Incluso, o día de mañá, podería ser posible non só acceder a un emprego protexido senón a un emprego ordinario. Romperemos o estigma, será máis normal e habitual velas traballando en calquera posto e en calquera tipo de empresa.

Finalmente, que plans hai para o futuro de " Capacitad@mente "?

Estamos comezando cun proxecto piloto e gustaríanos expandir a máis áreas e axudar a máis persoas, complementando o traballo do Sergas e destacando a importancia do traballo para a saúde mental.

Así que aspiramos a que máis persoas poidan acceder e poder complementarnos mellor cos servizos de saúde mental do Sergas. Porque ao final este proxecto non deixa de ser unha maneira de axudar a persoas que están recibindo un tratamento e que están recibindo un apoio psicolóxico ou psiquiátrico. Ese traballo compleméntase co feito de ter un traballo e beneficiarse da autorrealización e da autonomía que proporciona ese emprego que ao final tamén repercute beneficiosamente na saúde mental.

Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar